Thursday 02 de May de 2024

Fene acollerá tres obradoiros do programa Muller Dixital


Mellorar as competencias dixitais e aproveitar as posibilidades asociadas ás tecnoloxías son os principais obxectivos de tres novas accións formativas que se impartirán na Casa da Cultura de Fene a partir do luns 17 de outubro. Trátase de cursos de competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento, enmarcados no programa “Muller dixital” da Consellería de Promoción Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Os cursos van dirixidos a mulleres desempregadas ou en situación de mellora do emprego que teñan a demanda activa no momento de inicio da formación. Para participar, cómpre asistir á xornada de presentación que terá lugar este martes 11 de outubro ás 10:00h na Casa da Cultura de Fene e presentar o DNI acompañado da tarxeta de demandante de emprego.

Segundo informa a Concellería de Formación e Emprego de Fene, as persoas que finalmente se anoten e completen os cursos recibirán ao rematar, ademais do correspondente certificado, unha táblet de 10” de regalo.

Pódese obter máis información no Servizo de orientación laboral do Concello de Fene (tfno. 981 492 767 / orientacion.laboral@fene.gal) ou na web mullerdixita.gal.